Saturday 27 de April de 2024

Máis dun millón en obras e aumento de apoio ás familias en dificultades, principais asuntos do Pleno do xoves


O incremento do gasto en benestar social en 160.000 euros e a realización de diversas obras públicas de infraestrutura viaria e de saneamento por valor de 1,3 millóns de euros son os temas máis importantes que tratará o Pleno Municipal que se celebra o xoves, día 26 de xaneiro, ás 8 da tarde.

A crise económica trouxo consigo que algunhas familias de Oleiros visen incrementadas as súas dificultades para cubrir os gastos básicos da vida cotiá. Para reducir esas dificultades económicas o Concello ten en marcha distintos sistemas de apoio a través do departamento de Servizos Sociais que van recibir esta financiación a maiores da xa prevista.

En canto ás obras públicas, a máis voluminosa en canto a orzamento das que se aprobarán, é a da restauración das rúas Humboldt e Linneo, que custarán case medio millón de euros. Trescentos mil dedícanse a pavimentar as rúas da urbanización O Pinar e outros tantos cartos á mellora da rúa Piñeiro. Inclúese tamén a substitución do pavimento nas sendas peonís do parque Trece Rosas e Galeras por 283.850,23 euros e a renovación da rede de pluviais entre as rúas Areal e Barreira por 246.031,55 euros. Para financiar gastos correntes do Concello con cargo a este plan provincial destinaranse 552.821,47 euros.